temporada de alfombras (II)

salonPois si, hai un momento no que todo encaixa! E que bonito momento! Terávos pasado de darlle mil voltas a algo e de súpeto un día atoparlle o sentido ou a solución. Como cando ves unha película sen entender moi ben que acontece e dun segundo para outro todo colle sentido. Ou como cando un ingrediente lle dá o verdadeiro toque final a un prato.

A todxs nos pasa. Seguro que hai unha zona do voso lugar de traballo ou da vosa casa na que pensades a cotío porque notades que lle falta algo, un non sei que para sentir que o ambiente está conseguido, completo.

Ás veces pode tratarse dun pequeno cambio de luz, un moble, un complemento, un tapizado distinto… Ou unha alfombra.

Si, as alfombras son con frecuencia un elemento que acaba dando sentido unitario a un espazo. Unha clienta nosa o explicaba mellor que ninguén: “antes os mobles andaban soltos, flotando; agora é todo un conxunto”.

Como profesionais non podemos máis que desexar, como dicía Picasso, que a inspiración nos colla traballando, para así, con tesón, chegar a dar con ese espazo redondo.